11/04/07

Micah P. Hinson. Beneath the rose.

Hoxe mesmo, no Teatro Vidal Bolaño (que grande lle queda o nome!).
É un maleducado, un despropósito como guitarrista, un efectista, un presumido arrogante... De moitas cousas se lle pode acusar, pero é un completo xenio. Se o outro día case quedo durmido con Bonnie, hoxe gocei coma un neno. Sube o escenario sen probar son, cunha guitarra prestada, coas cordas recen postas... unha canción e xa sona ben (ía dicir perfecto, pero iso é imposible no cuartucho que a Universidade de Vigo chama Teatro). Chega coa súa gorra e a súa mochila, xoga co público, para pra fumar, pra soltar parrafadas nun inglés de Texas das que sabe que só uns poucos privilexiados conseguirán entender algo, quita o xersei, busca cal é a botella de Mahou na que queda cervexa, fala cos músicos... Envolve o concerto dunha imaxe de improvisación, que por momentos chega a desesperar, pero que converte cada concerto en único.
Case non tocou temas novos, xa escoitara case todos hai dous anos no concerto do Vademecvm. Non me importou en absoluto. É certo que xa non me sorprende cando berra, nen cando de repente distorsiona a guitarra ata facer un ruido atronador. Pero podía revivir esa sensación na xente que tiña ó redor. E se pode ser máis duro, e se pode ser máis técnico, e se pode ser máis sensible, e máis profundo, e máis... pero de todo o folk americano da actualidade é o que máis me gusta, o máis orixinal, o que menos se repite, un dos poucos que soa a novo e que soa ben.

E de bis... Suzanne de Leonard Cohen (a primeira vez que vexo a alguén tocar a guitarra electrica con mochila!)

Sem comentários: